Queridos membros da nosa Irmandade Devotos de San Roque, veciños, veciñas, romeiros, romeiras e cidadanía de Vigo:
Este ano non celebramos unha Romaría máis. Cúmprense 75 anos desde que, un 7 de setembro de 1951, un grupo de amigos se constituíu en Irmandade cun único fin: defender a tradicional Romaría que se celebraba anualmente na honra de San Roque e lograr que esta Romaría avanzase e se perpetuase ao longo do tempo.
Hoxe, como a primeira presidenta desta Irmandade, pero sobre todo como unha viguesa máis que sente esta Romaría no máis fondo do seu corazón, é para min unha absoluta honra darvos a benvida á Romaría de San Roque 2026.
Este ano a nosa voz debe soar a historia, a emoción e a gratitude, porque se cumpren tres cuartos de século desde que esta Irmandade se fundou oficialmente para protexer e coidar a nosa romaría centenaria.
Miremos atrás neste 75.º aniversario e valoremos que, detrás de cada ano de festa, hai milleiros de horas de traballo, de fe e de entrega. Por iso, hoxe quero que lembremos os nosos devanceiros, eses avós e avoas, pais e nais que nos traían da man á finca de San Roque; e tamén quero render unha sincera homenaxe a todos e cada un dos presidentes e xuntas directivas que nos precederon. Eles superaron tempos difíciles, mantiveron a chama acesa cando os recursos eran escasos e legáronnos un patrimonio inmaterial que hoxe é a alma da nosa cidade.
Somos herdeiros e herdeiras dunha devoción centenaria. Mantemos viva a tradición, coidamos a solemnidade dos actos, a música da nosa terra e ese sabor insubstituíble da Romaría.
San Roque non é só unha data no calendario: é o festivo local no que Vigo se reencontra coas súas raíces, onde as familias se xuntan e as xeracións se dan a man.
Pero unha tradición que non se renova corre o risco de quedar no pasado. E esta Irmandade está máis viva ca nunca. Traballamos día a día para que San Roque sexa de todos e todas, abrindo a Romaría á cidadanía e dinamizando a festa, pois queremos conseguir que a mocidade sinta este lugar como a súa casa e asegure así o relevo xeracional dos vindeiros 75 anos.
Deixemos nestes días de celebración as présas e a rutina.
Abramos as portas ao reencontro, á música, á devoción e á alegría.
Gocemos da nosa romaría co respecto que merece a nosa historia e co entusiasmo que merece o noso futuro.
Queda oficialmente aberta a Romaría de San Roque 2026!
Viva San Roque!
Viva a Irmandade Devotos de San Roque!
E viva Vigo!