Fernando Franco, memoria viva de San Roque

xornalista Fernando Franco

Dende a Irmandade de San Roque queremos deter hoxe o paso para lembrar, con fondo respecto e agarimo, a unha figura imprescindible na vida social e cultural de Vigo: o xornalista Fernando Franco.

O seu falecemento déixanos un baleiro profundo, non só no mundo da comunicación, senón tamén no corazón de quen formamos parte desta romaría que el soubo comprender, respectar e poñer en valor como poucos.

Fernando non foi un cronista máis. Foi unha voz próxima, atenta á tradición, capaz de captar a esencia de San Roque e transmitila aos seus lectores con sensibilidade e autenticidade. A súa pluma contribuíu a manter viva a memoria dunha das celebracións máis queridas da nosa cidade, destacando a súa historia, a súa xente e a emoción compartida que a define.

Para a nosa Irmandade, sempre terá un significado especial o recordo de cando aceptou ser o primeiro pregoeiro da romaría nesta nova etapa. As súas palabras, cheas de agarimo, respecto e coñecemento, marcaron un antes e un despois. Soubo inaugurar con elegancia e sentimento un camiño que hoxe continúa tamén grazas ao seu legado.

Gardamos con especial cariño a dedicación que nos brindou nos seus escritos, como aquela peza na que anunciaba con entusiasmo a chegada de San Roque, chamando aos vigueses a prepararse, a afinar instrumentos, a poñer botas e panos, a vivir a romaría con orgullo. Ese espírito é o que seguimos defendendo.

Hoxe, dende a emoción e a gratitude, queremos enviar todo o noso agarimo á súa familia, amizades e compañeiros. Compartimos a súa dor, pero tamén o orgullo de ter coincidido no camiño con alguén que tanto fixo por contar e dignificar a nosa cultura.

Fernando Franco seguirá formando parte da historia de San Roque. En cada romaría, en cada gaita, en cada encontro, o seu recordo estará presente.

Descanse en paz.

HISTORIAS RELACIONADAS