Desde a apertura da nosa páxina web en 2022, a Irmandade de Devotos de San Roque leva a cabo un compromiso firme coa recuperación e dixitalización da súa memoria histórica. Con traballo constante e rigor documental, esforzámonos por organizar, conservar e poñer a disposición da veciñanza os fondos que gardamos no noso local social: libros, fotografías, recortes de prensa e materiais gráficos que reflicten a evolución da nosa festa e da cidade de Vigo.
Un dos proxectos destacados deste ano 2025 foi a recuperación dos carteis das edicións anteriores da Romaría, desde o ano 1960. Esta colección, que forma parte esencial da nosa identidade visual e cultural, está sendo dixitalizada e incorporada á nosa hemeroteca dixital na web sanroquevigo.com, onde xa se pode consultar libremente.
Este traballo súmase ás iniciativas dos anos anteriores, como a dixitalización de libros históricos ou a publicación da fotografía da Romaría tomada en 1924 por Ruth Matilda Anderson, fotógrafa da Hispanic Society of America, que documentou a celebración viguesa durante a súa viaxe por Galicia. Imaxes coma esta amosan que San Roque foi e segue sendo un espello da nosa cultura popular.
No 2024, a restauración da imaxe barroca de San Roque por parte de Afundación supuxo tamén un fito fundamental. A intervención, realizada in situ na ermida do Pazo, permitiu garantir a súa conservación e prolongar a vida dunha peza de incalculable valor histórico e devocional.
Cremos firmemente que coñecer o pasado é unha forma de coidalo, e coidalo é mantelo vivo. Por iso, continuar traballando para recuperar, conservar e compartir a historia da nosa Romaría é unha tarefa que asumimos con responsabilidade e afecto, convencidos de que cada documento, cada fotografía e cada cartel é parte da túa historia, e da historia viva de Vigo.


































